ORIXES E EVOLUCIÓN DO SAMAÍN
Os celtas celebraban co Samaín o
paso do ano, a fin do tempo das colleitas e, con el do ano vello, e o comezo do
inverno e, con el, do ano novo.
Igualmente, o Samaín era o momento no que
as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar
os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e
quentarse co lume da lareira, polo que era
costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non
afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu
servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.
Coincidía así, nesta noite do 31 de outubro ó 1 de novembro e tamén ó 2 de novembro, a festa do paso dun ano a
outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.
Pero outras fontes dan unha
explicación contraria. A chegada das ánimas nesta noite representaba un
potencial perigo do que se defendían colocando sobre os muros ou nos vaos
das paredes as caveiras dos seus inimigos, para que as ánimas que puidesen vir
non se achegase ós castros nin ás casas. Dentro desas caveiras colocaban unha
candea de sebo acesa.
Disque, nestas mesmas datas,
prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial alimentábanse
as lareiras de todas as casas. Estas
fogueiras tamén podían cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da
noite e facilitarlles así que atopasen os seus fogares e os seus parentes.
Afírmase que polo samaín era
costume baleirar nabos de gran tamaño para pórlles
dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ter sido exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país
no século XIX e
comezos do XX. De ser así, a tradición tería
continuidade nas festas deHalloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do
samaín na cultura estadounidense, semellante a un entroido, na que os nabos foron
substituídos por grandes cabazas. Co paso do
tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o
Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade cada vez máis
popular.