ORIXES E EVOLUCIÓN DO SAMAÍN
Igualmente, o Samaín era o momento no que
as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar
os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e
quentarse co lume da lareira, polo que era
costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non
afastar as ánimas; por veces tamén se deixaba unha cadeira baleira, co seu
servizo de comida e bebida, para que as ánimas se achegasen á mesa familiar.
Coincidía así, nesta noite do 31 de outubro ó 1 de novembro e tamén ó 2 de novembro, a festa do paso dun ano a
outro, co momento da apertura ás ánimas do outro mundo.
Disque, nestas mesmas datas,
prendíanse lumes sagrados e que con esta cacharela inicial alimentábanse
as lareiras de todas as casas. Estas
fogueiras tamén podían cumprir o obxectivo de guiar os mortos na escuridade da
noite e facilitarlles así que atopasen os seus fogares e os seus parentes.
Afírmase que polo samaín era
costume baleirar nabos de gran tamaño para pórlles
dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ter sido exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país
no século XIX e
comezos do XX. De ser así, a tradición tería
continuidade nas festas deHalloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do
samaín na cultura estadounidense, semellante a un entroido, na que os nabos foron
substituídos por grandes cabazas. Co paso do
tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o
Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade cada vez máis
popular.